Todos os mundos que soñamos poden facerse realidade. Os países das fadas tamén son temibles. Mentres eu ando lonxe da vista, le e lévame xunto a ti... (Salman Rushdie)

22 mar. 2018

Ismaíl foi secuestrado!

O día despois de que Ismaíl probase o licor da meiga, todo era tranquilidade na estrada onde estaba situada a súa casa, a pouca distancia da vila de Malpica.

Nesa casa, a Ismaíl tratábano coma se fose un prisioneiro, que o era. Pero creo que a partir de agora será mellor que pensemos nun secuestro.

Así que logo, na casa da meiga, as cousas aparentaban unha certa normalidade. Os seus coellos rillaban as cenorias e as follas de leituga, e as súas galiñas xa poñían os ovos no galiñeiro. A mesma Petra Malaúva, a coñecida meiga de Malpica de Bergantiños, almorzaba unha cunca de leite e algunhas torradas con manteiga.

Esa mañá parecía de bo humor.

Mentres tanto, Ismaíl agardaba nunha gaiola transparente, nun terrario de cristal, e sen nada para comer por imposición da súa secuestradora. Pois na súa opinión, non había ningún motivo para que as criaturas diminutas sempre pesasen de máis. E como Ismaíl estaba un pouco gordiño, aquel día comezaría un réxime de adelgazamento. Por iso só bebeu un pouco de auga.

—Así estarás máis despexado e razoarás mellor —dixo a meiga, referíndose ao mareo que lle producira o licor o día antes— Ademais, tes que aprender a beber e a comer da miña man!

Ela acabou amodo o seu almorzo.

Estaba moi relaxada!

De todos xeitos, aínda era cedo cando saíron da súa vivenda cara un lugar denominado Pedras Queimadas. Tal e como lle indicara Ismaíl diante das ameazas que recibira no seu momento. A meiga levábao na mesma caixa de zapatos que usara para atrapalo.

Fóra da vivenda, unha branca mañá camiñaba lentamente polo ceo. E non lles chegaba outro ruído que algún coche que circulaba a esa hora pola estrada. Tamén ladraban os cans nas casas veciñas.

De camiño, a meiga esclareceulle algunhas cousas.

Ela realizara as súas propias investigacións, e descubrira detalles ben interesantes.

No lugar de Pedras Queimadas houbera unha casa grande, unha importante casa de pedra coa súa lareira tamén de pedra. Pero desa noticia ninguén se lembraba porque o seu recordo desaparecera había moitos anos, consumida polo paso do tempo, as silvas e os toxos.

Se nesa casa residira noutra época unha meiga ou unha bruxa, era algo que non podía confirmar, pero estaba segura desa posibilidade. O feito de que atopase un trasno que buscaba unha pedra tan famosa nese lugar, unicamente podía significar o que ela cría. En consecuencia, era seguro que alí aparecería unha lareira, e entre as súas pedras habería unha con poderes misteriosos no seu interior.

A Ismaíl non lle agradaba ver á meiga tan feliz, gozando coas súas teorías e coas súas cavilacións. E por encima dicindo que era un trasno.

A súa xente necesitaba ese obxecto antigo para sobrevivir, a famosa Pedra de Lume, para defender a súa existencia no mundo dos humanos. Non se trataba dunha broma.

A súa busca e o seu esforzo non dependían dos seus desexos persoais. Era fundamental para moitas criaturas máxicas.

—Ao mellor esa pedra non permite o uso que ti pretendes –díxolle.

—Grazas polo consello, trasnón, pero xa me amañarei... —contestou a meiga, mostrando de novo o seu orgullo.

Nesa conversación andaban cando, de repente, unha moto branca parou ao lado da muller.

—Por favor, señora, hai por aquí algún lugar ao que chamen Pedras Queimadas?

Desde o interior da caixa, Ismaíl escoitou aquela voz e o seu corazón acelerou os seus latexos. Era a súa boa amiga María Caroleira, a fareira de Fisterra. Agora, ademais, tamén era a súa protectora, o seu anxo da garda.

—María, María! —berrou—. Estou aquí, na caixa de cartón...! Fun secuestrado por esta muller, que é unha meiga de moito coidado!

A motorista sacou da cabeza o seu casco e, con acenos e miradas, pediulle explicacións á meiga. Pero Petra Malaúva continuou impasible, coma se a cousa non fose con ela, e intentou seguir con serenidade o seu camiño.

Entón, por medio dun movemento rápido, María Caroleira empurrouna con enerxía e, ao tempo, tamén con suavidade. A fin de contas, a meiga era unha señora maior.

Nun intento por se manter dereita, os pés da meiga cruzáronse ao dar un paso e bateron entre eles. E así, comezou a caer mentres a caixa de zapatos, xa destapada, se lle escapaba das mans.

Cando Ismaíl ía polo aire, a punto de chocar contra a superficie da estrada, María Caroleira recolleuno coa parte interna do seu casco, coma se tratase dun cestiño acolledor. Despois situou o casco entre as súas pernas, puxo en marcha a moto branca e saíu veloz daquela situación.

María Caroleira respiraba con alivio, por fin encontrara ao seu amigo máxico. Acordaran reunirse no cruce das estradas de Malpica e Ponteceso despois do seu primeiro encontro, pero Ismaíl xa non o lembraba.

En todo caso, agora había unha urxencia. Ismaíl dixo que non debían falar moito e perder o tempo, xa que a meiga procuraría manter o seu plan. Así que eles terían que chegar o antes posible ao lugar de Pedras Queimadas, para evitar outras complicacións.

De repente, sen apenas tempo para improvisar nada, un policía municipal apareceu diante da moto, na estrada. O policía tiña un dos seus brazos completamente erguido, e cunha man aberta facía sinais evidentes para que a fareira detivese a súa moto.

Por se había algunha dúbida, utilizou tamén o seu chifre de metal, que soou con estrondo.

—Señorita —dixo o policía municipal, que se chamaba Tito—, multareina por conducir sen casco. Xa sabe que é obrigatorio por lei...

Era certo. O casco estaba colocado entre os xeonllos de María Caroleira, que así facía ás veces de asento para Ismaíl. Este, en canto escoitou a voz do policía, agachouse todo o posible. Pero logo cambiou de idea e abandonou o casco, e colouse na mochila que Pilar levaba nas costas, igual que fixera noutros sitios.

Mentres o policía redactaba o impreso da multa, a meiga Petra Malaúva, que non estaba lonxe, divisou todo o que pasaba a pesar dos seus problemas na vista.

Afortunadamente para a muller, os acontecementos sucederan a pouca distancia. O caso é que, ao comprobar que a moto estaba parada, apurou o seu paso para estar tamén presente naquela situación nova. Entón, e xa case a altura do policía, empezou a berrar.

—Policííía, policííía! Señor, esa moza rouboume... —dixo, poñendo cara de sufrimento.

—Señora, está segura...? —respondeu o policía con asombro—. Non se debe acusar a ninguén sen probas.

Ao ver unha moto detida no medio da estrada, xunto a un policía municipal, os veciños empezaron a chegar de todas partes. Despois, as voces da meiga aumentaron a confusión e o barullo, pois era ben coñecida naquel lugar.

—A ver, señora, de que acusa a esta señorita? —falou de novo o policía municipal.

—De levar algo que é meu! —contestou a meiga.

—De veras? Pero, que lle roubou? —insistiu o policía.

—Un trasno... Un traaasno saltareeeiro!

O policía municipal Tito calou, e ollou para outro lado sen saber moi ben que dicir. Despois exclamou:

—Un queee...?

Unha muller que traballaba no porto non puido se conter e, ao pouco tempo, unha boa parte dos veciños alí presentes case choraban de risa a consecuencia das palabras da meiga. Outros, en cambio, apoiárona en todo momento e consideraron que aquilo non era unha broma.

O nerviosismo da xente reunida acrecentouse. Entón, os dous grupos solicitaron a rápida intervención do policía municipal, que ata ese instante aproveitara a confusión para escorrer o vulto.

—Por favor, un pouco de calma...! —dixo Tito o policía—. Se a señora insiste na súa denuncia, terei que buscar as testemuñas que certifiquen ese feito. Así mesmo haberá que facer algúns interrogatorios...

Non parecía un momento divertido, pero había risas e moito barullo. Mentres a xente falaba de máis, incluso con insultos e palabras dese estilo, Petra Malaúva atendía aos movementos da fareira para ver se descubría a Ismaíl.

“Aieiouuuh, andavía turulú...!”, rosmou.

A meiga observou una anaco da capuchiña de Ismaíl, que sobresaía da mochila de María Caroleira. E con moito disimulo, aproximouse.

Logo, actuou a toda présa. Empregando toda a axilidade que aínda tiña, botou unha man, agarrouno e tapoulle a boca cun dos seus dedos.

Inmobilizado e con dificultades para respirar, Ismaíl terminou nun dos petos da chaqueta da meiga, e amordazado por unha das súas mans.

Despois, a meiga Petra Malaúva recuou uns pasos.

E aproveitando a confusión, desapareceu do lugar e da estrada.

Nin o mesmo policía foi quen de se decatar, tratando como estaba de calmar a todos os veciños que se xuntaran. Ademais, tiña pendente o asunto da sanción á motorista por non levar o seu casco, e non podía estar en todo á vez.

María Caroleira aceptou esa multa sen protestar.

Que remedio!

No hay comentarios:

Publicar un comentario