Todos os mundos que soñamos poden facerse realidade. Os países das fadas tamén son temibles. Mentres eu ando lonxe da vista, le e lévame xunto a ti... (Salman Rushdie)

20 jul. 2013

O cazador de gnomos

Entre algunhas caixas de plástico e as redes dun barco pesqueiro, así chegou Ismaíl a España. E logo de pasar o estreito que separa África de Europa, onde se xuntan as augas dun mar e dun océano, desembarcou nun porto do sur da península. Tivo a sensación de que alcanzara o seu destino, pero sen saber aínda que habería ao final da historia que estaba a vivir.

Un vello mariñeiro de Malpica de Bergantiños ao que chamaban O Cunqueiro, co que se relacionara a bordo do barco de pesca, axudouno. Este novo amigo faloulle, como quen non quere a cousa, dun lugar ao que os antigos coñecían como Finis Terrae, o final da Terra.

Ese lugar encontrábase nunha vella comarca, nas terras de Galicia, no final do mundo que tantas veces soñara con visitar.

Era unha sorte que os diminutos entendesen tantas linguas. Por iso non vacilou. Aconsellado polo seu benquerido Cunqueiro, cambiou as cores da súa vestimenta para se adaptar mellor aos costumes máxicos daquel novo país. A partir dese día, vestiuse con roupas coloradas e puxo unha capuchiña escura na súa cabeza. E unha vez que se despediron, orientou de novo os seus pasos e o seu andar.

Ismaíl recoñecía evidentemente que fixera unha longa viaxe, e que atravesara moitos lugares sorprendentes. Pero cando soubo que estaba a punto de chegar ao remate da súa travesía, as súas pernas tremeron esgotadas polo cansazo. E o nerviosismo impedíalle detelas.

O seu destino existía de verdade. Por suposto.

Despois de moitísimo tempo, decatouse de que estaba preto do pequeno pobo de Fisterra, onde acababan os camiños antigos. As herbas víanse cubertas de rocío, e o primeiro que fixo foi coller un pouquiño na man e levalo aos labios. Pareceulle o máis delicioso que probara en toda a súa vida.

Non o podía crer!

O sitio do fin do muuundo!

Iso indicaba que conseguira realizar unha boa parte da súa misión. Parecía incrible.

Certo día, nas horas do atardecer, Ismaíl penetrou naquel lugar. O sol aínda non se marchaba do horizonte, pero xa era devorado polas augas dun océano ao que nomeaban Atlántico. O segredo da súa familia indicaba a existencia dunha pedra misteriosa que debía servir para eliminar a maxia perversa dos humanos. Pero alí, á parte dos cantís e as rochas, só había un mar enorme, un pequeno bar e un faro mariño.

Algo asustado, Ismaíl atreveuse e entrou no bar en busca de información. Estaba case en silencio, o local parecía que ía pechar. De repente, unha camareira berrou tres veces, refregando os seus ollos:

—Aaaiii... aaauuu... aaahhh...! Xeeefe...! Poden ter barba os meniños?

—Pero que contas, carafio! —dixo unha voz grave.

—Vale, vale...! Pois mire, no bar hai un trasno ou un gnomo, e non sei o que quere. Veña aquííí...!

Da cociña do bar saíu un home grandón e un pouco calvo. Nunha das súas mans levaba un saco de plástico para o lixo e na outra unha rede.

Era evidente o que pretendía. Aquel home quería cazar a Ismaíl. Esas eran as súas claras intencións.

—Xa vexo que non tes nin idea —comentou—... Os ananos e os gnomos son parentes moi achegados. E a xente di que se colles un e o prendes ben, revelará onde hai enterrados cofres cheos de moedas de ouro.

“Eeeh?”, escapóuselle a Ismaíl case sen querer.

Era o que lle faltaba por escoitar.

Aqueles humanos coidaban que non tiña máis que facer que andar por aí regalando tesouros.

Fixo un xesto coa cabeza. Tiña que escapar.

Debía fuxir daquel cazador de gnomos!

Ismaíl, sen falar máis nada, botou a correr e desapareceu tan veloz como puido. Ao saír, tropezou cunhas latas de refresco abandonadas xunto á porta daquel bar. O ruído espertou a un grupo de gaivotas, que estaban pousadas nos cantís, e marcharon voando cara ao faro.

Á súa maneira, el tamén escapou nesa dirección.

No hay comentarios:

Publicar un comentario