Todos os mundos que soñamos poden facerse realidade. Os países das fadas tamén son temibles. Mentres eu ando lonxe da vista, le e lévame xunto a ti... (Salman Rushdie)

2 feb. 2013

Talvez un resumo

Malpica de Bergantiños, ano 1996. Ismaíl dixo que procedía dunha terra desértica, situada entre altas montañas e vales escuros, nalgún lugar do corazón perdido de Asia. Debido a un suceso terrible, a xente miúda, o seu pobo diminuto, empezou a dispersarse, tamén os seus familiares e mesmo os seus amigos. Algúns tomaron o camiño do sur, un pouco máis cálido. Pero Ismaíl, que agochaba un segredo, partiu cara o oeste, na busca dun misterioso obxecto por camiños que o levasen ata o final da Terra.

Alguén, nun barco, faloulle dun lugar que os antigos bautizaron como Finis Terrae, que estaba no final do mundo, en Galicia. Pero, con moita sorpresa, Ismaíl descubriu que alí había demasiados sitios semellantes, sobre todo na chamada Costa da Morte.

En Malpica, un pequeno pobo mariñeiro, comprobou que a sabedoría dos seus habitantes era tan marabillosa como a súa. Pensou que talvez rematara a necesidade da súa viaxe. E, a pesar dos problemas que tivo que resolver, naquela vila decidiu buscar a Pedra de Lume…

Así as cousas, e sen máis prólogos, para relatar os detalles desta aventura adoptarase un procedemento sinxelo. A partir de agora, sempre que sexa posible, irei contando unha parte dos seus recordos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario