Todos os mundos que soñamos poden facerse realidade. Os países das fadas tamén son temibles. Mentres eu ando lonxe da vista, le e lévame xunto a ti... (Salman Rushdie)

30 ene. 2013

As orixes

Nun traballo de hai algúns anos, e que foi finalista de certo premio de pedagoxía, empezou a colaborar comigo un pequeno axudante imaxinario. Ismaíl era o seu nome e vivía en Malpica de Bergantiños. Algo máis tarde, desde un ministerio valoraron moi ben as actividades que facía, e a súa vida diminuta deixou de ser unha vida anónima. Por esa razón, para el e para os alumnos que entón atendiamos, realicei unha primeira páxina web ao redor do ano 2000, pero que xa non existe pois GeoCities desapareceu e enguliu todo no ano 2009, máis ou menos. Por sorte, aquí están os restos daquel naufraxio virtual.

Un pouco antes, no 2008, e xa desde O Burgo (Culleredo), acordamos usar os blogs de aula, que comezaban a ser coñecidos nesa época. Así naceu a Escola de Ismaíl, o primeiro blog, onde un grupiño de nenos e nenas de 2º de primaria inventaba e recollía un montón de historias sobre aquel amigo seu. Talvez por iso logrou un novo recoñecemento público, esta vez no mundo dos edublogs.

O tempo pasa, nunca se detén. Por iso chegaron máis blogs: a Escola de Ismaíl (2), a Escola de Ismaíl (3), a Escola de Ismaíl (4) e a Escola de Ismaíl (5), agora con nenos e nenas de 5º e 6º de primaria. Ademais, como eran máis maiores, non só recolleron novas historias de Ismaíl, tamén axudaron para que esta vida dixital fose acollida nun novo sitio: O dragón e o Caldeiro Máxico.

Despois de todas as viaxes que tivo que afrontar, creo que podo dicir que Ismaíl é feliz. Polo menos como pode ser de feliz a xente máis diminuta. E que fago eu aquí, neste sitio? Pois só pretendo unha cousa: contar as historias que lle sucederon ao principio de todo, cando chegou a Malpica…

1 comentario:

  1. Había daquela en Malpica un meiga un tanto tarambana que rendida caeu namorada do trasno Ismaíl. El contáballe ao oído historias fermosísimas doutras terras lonxanas; lugares máxicos cargados de aromas intensos e músicas fermosas. A cambio, ela prestáballe toda a atención e así poder disfrutar tamén daqueles mundos descoñecidos e apaixoantes. Ela, desexosa de saír do voo monótono entre o Monte Neme e o Monte de Beo, prometeu seguilo onde quer que for. Quizais algún día se atopen de novo...na Eira das Meigas.

    ResponderEliminar