Todos os mundos que soñamos poden facerse realidade. Os países das fadas tamén son temibles. Mentres eu ando lonxe da vista, le e lévame xunto a ti... (Salman Rushdie)

3 abr. 2018

Os nenos da praia

­Ás veces, o mar deposita nas praias algúns obxectos interesantes, sobre todo despois dunha tormenta ou dun naufraxio. Pero contan que hai que saber mirar ben. E nesa actividade, Marta e Pablo eran uns verdadeiros expertos. Os seus amigos da escola considerábanos os mellores buscadores de tesouros mariños. Despois das mareas fortes, sempre eran os primeiros en atopar algo de valor.

Marta acababa de cumprir os dez anos e Pablo xa chegaba aos nove. Eran irmáns, e cando non tiñan nada que facer saían á praia, o seu sitio preferido de xogos. A súa casa, que destacaba por unha bonita galería acristalada, quedaba xusto enfronte do areal de Malpica.

Aquela tarde, desde unha das ventás da galería, observaron como un grupo de gaivotas sobrevoaba unha caixa de madeira. E que outras, xa pousadas na area da praia, andaban a picadas con ela, que parecía a punto de rachar.

Era unha desas caixas sinxelas que empregan os mariñeiros para gardar o peixe.

A pesar diso, as gaivotas armaban un barullo desacougante.

Os dous nenos abriron a porta da súa casa e foron ver o que sucedía. Ao chegaren á altura da caixa de madeira, a maioría das aves marcharon enfadadas. Pero non todas. Algunhas gaivotas simplemente recuaron un pouco, e Pablo perseguiunas pola praia ata que por fin escaparon voando.

Ao quedar o entorno da caixa libre de gaivotas, Marta e Pablo aproximáronse máis. Comprobaron que a madeira xa estaba medio rachada e ateigada de marcas dos peteiros das aves. Non se vía outra cousa, e nada que explicara a situación.

“Que furia tan estraña!”, pensaron.

“Por que actuarían así?”, dixéronse.

Levantárona con moito coidado entre os dous, e o que descubriron deixounos coa boooca aberta.

Debaixo da caixa había un boneco moi raro!

Tendo en conta a súa posición, estaba como derreado sobre a area. Levaba unha barba branca e abondosa, e unha capuchiña colgaba do seu pescozo. Ademais, víase todo húmido e con anacos de algas e areas por toda a roupa.

Pero, un momento..., movía as súas pequenas mans!

O “boneco” estaba vivo!

Que susto levaron! Case quedan sen alento.

Entón, Marta acariciou o corpiño e as mans de Ismaíl, que aínda estaban quentiñas. Incluso notou como o seu corazonciño latexaba aceleradamente. E dixo:

—Pablo, Pablo! ¡Temos que sacalo de aquí! As súas roupas están molladas e creo que vai sentir moito frío...

—Pero, a onde imos? —contestou Pablo, coa súa voz de pillabán.

Marta era unha nena moi animosa, capaz de resolver situacións enrevesadas para a súa idade. Pediulle ao seu irmán a gorra do Deportivo que levaba posta na cabeza. O Deportivo da Coruña era o seu equipo de fútbol preferido, claro. Despois ergueu a Ismaíl con moita suavidade, e limpou un pouquiño de areas e de algas a súa roupa.

En canto rematou, deitouno no interior da gorra de algodón azul de Pablo, que miraba o que facía a súa irmá con sorpresa e interese.

A continuación, Marta acercou a gorra ao seu propio corpo, suxeitándoa ben, como se levara un meniño no seu colo. Abandonaron o lugar sen présas, e camiñaron cara un dos bancos que había no paseo da praia.

Sentados no banco máis apartado, comprobaron que alí as cousas seguían igual. É dicir, que ninguén sospeitara nada mentres deixaban a area. O seu irmán preguntou a que viña todo aquilo. Pero Marta non lle soubo dar unha explicación, pensou que era mellor así.

Despois, os tres estiveron en silencio, mirándose.

—Sabes falar coma nós? —díxolle Marta a Ismaíl.

—Si...

—Como te chamas? —preguntou Pablo, coa emoción nos seus ollos.

—Ola, chámome Ismaíl...

—Ola, Ismaíl —dixo a nena—. Este é o meu irmán Pablo e eu son Marta. Vivimos aquí ao lado...

—Grazas... —contestou Ismaíl—. Se non chegades a aparecer, esas gaivotas acaban comigo. Que pouco faltou!

Durante esa primeira conversación, Pablo empezou a sentirse alterado por todo aquel feito tan sorprendente. Marta, a súa irmá, decatouse con rapidez. Nalgunhas ocasións era un neno demasiado impetuoso, e a ela sempre lle pedían que parase as súas travesuras. Por esa razón, coñecía ben as súas reaccións nerviosas e as súas trasnadas.

—Que estupendo! —dixo Pablo á súa irmá—. Pero teño que facer unha proba...

—Que clase de proba? —contestou Marta.

—Saber se este Ismaíl ten algún poder —dixo o seu irmán.

—Coma se fose alguén con poderes máxicos? —preguntou Marta.

—Pois si... —respondeu Pablo.

—Non sexas parvo! —dixo Marta—. Ademais, para que necesitas saber iso?

A pesar dos seus escasos anos, o seu irmán xa tiña algunhas ideas para comentar con Ismaíl. A súa irmá non entendía nada, pero escoitouno.

Pois ben, debido ao seu pequeno tamaño, e no caso de que fora un gnomo, algo de maxia podía saber, non?. Xa que na televisión os gnomos coñecen moitos poderes secretos, non si? Ao mellor, Ismaíl era capaz de adiviñar o futuro. E nese caso a el gustaríalle saber se de maior sería un bo futbolista, para xogar nalgún equipo grande como o Barcelona ou o Real Madrid.

A súa irmá botou un sorriso, e mirou para o mar. Ismaíl, en cambio, pechou os ollos.

Pero Pablo non se desanimou.

Ben, había unha cousa que si era moi importante na familia: os deberes da escola. E a súa irmá non podía negar esa verdade, porque todo o mundo estaba a preguntar por iso. Os mestres, a mamá, o papá, e incluso os avós, que sempre preguntaban polas notas. “É tan certo como que estamos aquí!”, dixo Pablo. Pois talvez ese gnomo, coa súa sabedoría máxica, era quen de ofrecer unha boa axuda para facer as tarefas da escola.

A súa irmá agora calou, asombrada e pensativa. E sen dicir nada considerou que, de feito, non parecía unha idea tan mala.

Ismaíl, tamén pensativo pero por outras razóns, removeuse no interior da gorra azul na que descansaba para intentar durmir.

Os dous irmáns quedaron en silencio outra vez. De paso, observárono con máis atención.

E se de verdade conseguiran o seu máis valioso tesouro?

Cantas cousas terían para explicar aos seus amigos!

De repente, un ruído espertounos das súas cavilacións.

—Mira, unha moto... —dixo Pablo.

—Pórtate ben, de maneira normal —contestoulle a súa irmá Marta, mentres escondía a gorra con moito coidado.

A moto, que era de cor branca, detívose á altura do seu banco.

—Ola, rapaces —dixo unha muller, colgando o casco no manillar.

—Tía, ooola, que sooorpresa! —responderon os dous case á vez, e Pablo ergueuse para abrazala.

Era María Caroleira, a fareira de Fisterra e irmá do pai dos nenos, e tamén a súa tía preferida. Achegárase ata a praia da vila en busca do seu amigo Ismaíl, que estaba secuestrado por unha meiga. Pero aos seus sobriños, de entrada, non lles contou este feito.

Explicoulles que investigaba algo dun naufraxio que se producira, segundo lle dixeran, a pouca distancia das illas Sisargas. E xa que os seus sobriños andaban por alí, en Malpica, se cadra viran algo. E por iso quería saber se eles atoparan na praia os restos dalgún barco ou calquera outro obxecto especial.

Por desgraza, os nenos nada podían dicirlle pois acababan de saír da casa xusto naquel momento.”Verdade que si, Pablo?”, dixo a nena.

Pero no aire flotaba unha sensación de impaciencia.

—Por certo, Marta, que gardas detrás do teu corpo? —preguntoulle María Caroleira á súa sobriña.

—Queee...? —dixo Marta—. Ah, nada, nada, unha viseira do Dépor...

—María, son eu! —dixo Ismaíl coa voz un tanto adurmiñada—. Estou aquí! Es a miña salvadora outra vez...

Os tres cruzaron as súas miradas. Os nenos pasaron da sorpresa ao disimulo, e trataron de esquivar os ollos da súa tía. Pero María Caroleira expresouse con decisión e calma ao mesmo tempo:

—Rapaces, temos que falar...!